Tuesday 14 de May de 2024

A Deputación intégrase na Rede Española de Teatros e Auditorios de Titularidade Pública


 

A corporación, como mostra do apoio á fusión, deu luz verde a obras por un importe de preto de 240.000 euros en Oza-Cesuras

O pleno provincial aprobou por unanimidade a integración da Deputación na Red Española de Teatros, Auditorios, Circuitos y Festivales de Titularidad Pública. Dá así resposta a unha proposta formulada desde o Ministerio de Educación, Cultura e Deportes para formar parte dunha rede sen ánimo de lucro constituída no ano 2000 e integrada, ademais de polo propio Ministerio, polo Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música (INAEM).

Segundo explicou o presidente da Deputación, Diego Calvo, isto significa que “o noso Teatro ocupa así a presenza que merece no escenario cultural nacional”, formando parte dunha rede que busca fomentar as actividades escénicas e musicais, garantir a calidade e estabilidade na programación de teatros e auditorios de titularidade pública ou potenciar a cooperación e colaboración entre eles e nos circuítos das comunidades autónomas.

Do mesmo xeito, é competencia desta rede abrir vías de comunicación entre os diferentes axentes que interveñen no desenrolo das políticas sectoriais do teatro, a música e a danza, como poden ser os creadores, os produtores, os distribuidores e os xestores culturais. O fin último do seu traballo pasa polo mantemento e consolidación do sector, e tamén pola subvención de diferentes circuítos como os de danza, que contan cun apoio público do 50% e que fai posible que funcións de alta calidade cheguen a todos os puntos do país.

A cota de inscrición é dun máximo de 1.500 euros.

Apoio á fusión
Entre os asuntos tratados no pleno tamén se aprobou unha achega de preto de 200.000 para investimentos en Oza-Cesuras, que permitirá levar a cabo distintas obras de mellora no concello.

Un dos proxectos pretende reformar as beirarrúas en Parada e así conseguir maior seguridade viaria tanto para peóns como para o tráfico rodado. Intervirase en 744 metros do viario municipal e nos traballos se inclúe a explanada do camiño, a execución de beirarrúas e a mellora do firme. En total, o orzamento ascende a 62.562,47, dos que a Deputación asume 50.049,98, o 80% da obra.

Ademais, a institución provincial destinará, con cargo a un modificativo de crédito de preto de 3 millóns de euros, outros 62.562,54 euros a obras de saneamento en Mondoi e encargarase do acondicionamento de camiños nas parroquias de Porzomillos, Cuina Oza, Reboredo, A Regueira e Bandoxa. Neste caso, o custo do proxecto ascende a 98.564, 76, dos que a Deputación achegará 78.851,81 euros.

Finalmente, inclúese tamén a mellora de viarios en Mandaio, Borrifáns, Trasanquelos, Figueredo, Probaos e Paderne, cun orzamento de 60.000 euros e unha axuda de 48.000 da Deputación.

Con estas novas achegas a Deputación mantén o seu compromiso de apoiar a fusión destes municipios, así como outros proxectos presentados por diversos concellos e entidades da provincia que tamén se poderán beneficiar do novo modificativo de crédito que se financiará con cargo a remanentes de tesourería.

Durante o debate, o presidente Diego Calvo explicou que, grazas precisamente a estas ampliacións orzamentarias, “son moitas persoas e asociacións as que reciben axudas da Deputación”. Anunciou, ademais, que o presuposto do ano que vén será “incrementalista grazas á boa xestión deste goberno”.